miércoles, abril 13, 2011

Quero que chova forte...



Diosa Kuan Yin



Quero que chova forte e desguedelle os meus cabelos torrencialmente, quedar espida de fragancia e lirios, que chova como no Amazonas, inundando a selva de orquídeas salvaxes.
Quero madrugar na conciencia, manchar as mans de cinza ou de barro, afondar os pés na nai terra
e rexurdir.

domingo, abril 03, 2011

Neste labirinto...

Eu, contemplando a posta do sol.

Neste labirinto
de bocas extenuadas
e feroces improperios,

neste mundo
mundano de inxustizas
e agonías,

onde estou eu
e estás ti,
onde estamos todos nos
sen saber quen somos,
sen acariñarnos
nin unha soa vez,

sen bicar de verdade,
sen fundir o noso amor,
sen abrazar a esperanza,
sen mostrar o noso paraíso,
sen ver aínda ollando,

neste teima de procurar
o ben alleo, de perdoar
sen esperar nada a cambio,
de agardar a que o ser
dobregue a razón,

nesta teima estou,
para abrir a fontanela
da vida
e conquistarme!

miércoles, marzo 30, 2011

Algo se quebrou...




Algo se quebrou
desde a impaciencia
sublevada.

-Somerxida nun mar
tempestuoso,
nadando entre argazo,
devorando o último
suspiro quente-

Corrín a esconder
a culpa na area,
cos dedos, coas mans,
cos dentes, cos ollos,
esmagando forte
ata facer sangue
nos nocellos.

Logo desaparecín.

martes, marzo 22, 2011

Teño un salouco pequeno aquí dentro...


                                                      Ilustración de Nicoletta Ceccoli



teño un salouco pequeno aquí dentro

tan pequeno que non chego

a afogarme nel


tan só vai minándome pouco a pouco

ata facerme desaparecer


sábado, marzo 12, 2011

Pretendía ser boa...





Pretendía ser boa, loitar polas túas causas e somerxerme nas túas expectativas.
Pero un veo cubríame os latexos e a verdade.
Pretendía ser boa para o teu corazón, porque tamén é o meu.
Pero non souben buscar o camiño recto-quizais porque non o hai-
É máis fácil confiar. E así o fixen.
Máis as cousas non saen como un quere senón como teñen que ser.


perdida na espesura
só quero que ti me rescates
que poñas ás nas miñas mans
e eleves a miña conciencia

só así entenderei

domingo, marzo 06, 2011

sabía por instinto...


cuadro de Klimt
sabía por instinto

que esperabas

un acorde

do meu corpo


entre as liñas desvaídas

dun perfil que treme

o teu contacto


elevei os brazos

para rodear a noca

receptiva


acariciei os lóbulos

das orellas


susurrei algunha palabra

desbocada no oído


e pechei os ollos


así góstanme máis as caricias

martes, febrero 22, 2011

Percibes a furia inmediata...

                                      Fotografía: "Dos paraguas bajo la lluvia" de González-Alba




Percibes a furia inmediata

e sucumbes a tristura.


Exércitos de fracasos

traizoan presente.


Sínteste amolecer

nun territorio

flanqueado de recordos

cincentos

e a poalla rodea

a mirada enxoita.


Sabes ben que non hai regreso.


Navegas entre laios

apagados e a derruba

alcanza o cumio.


Abrigas a lembranza

nun abrigo de pano.


Na obriga de vivir

apágaste na negrura.


E aínda non é a hora.


Por iso, déixame entrar

dentro do teu peito

e someter a pena

cun baile dos meus ollos.


Non hai regreso, pero non importa, porque hoxe estamos aquí, abrigándonos xuntos. E iso é o que conta, avó.


domingo, febrero 13, 2011

Sad Violin 3

Lo esperó desnuda en la noche, navegando en el mundo de los sueños. Su ansia proclamaba a los cuatro vientos un resurgir, iluminando de oro la oscuridad mas inmediata.

Esperó como quien espera un milagro, pacientemente. Descalza, invadiendo la estancia con sus pies orientales y entre las sombras, perfilando una silueta delgada de caderas sinuosas y pechos aún túrgidos.

Preparó el sake, rozó la taza de su amado suavemente.

Se miró al espejo, acarició sus labios coralinos y suspiró al descubrir leves pliegues pincelados en su frente.

Todavía se estremecía al imaginar el apetito entre sus dedos y recorría con su mente el cuerpo varonil hecho para sus manos pequeñas, descansando en el profundo abismo de su sexo.

Fantaseaba por un momento que el volvería envuelto en ojos y deseo.



Esperó como quien espera la lluvia en las estaciones secas.



Cuando ya el alba sorprendía sus cabellos revueltos y el rimel seco dibujaba un oscuro camino en sus mejillas pálidas aflojó su último aliento.

domingo, febrero 06, 2011

lentamente...


                                                 "Los amantes" de Marianela Gallardo


lentamente
susurrando a cobiza
ó aire

enleando os suspiros
a carón da cama

somerxendo o pracer
na noca sometida

comezando a tiritar
no contorno das cadeiras

afundindo no medio
da emoción vertixinosa

na procura de un só
instante