sábado, mayo 27, 2017

PEQUENA GLADIADORA

Imaxe Balbi López   https://azulecinzadeavenoiteira.blogspot.com.es/
 



 PEQUENA GLADIADORA

Acabo de darme conta do inevitable,
que xa non estás para sorprenderme
no medio da tempestade,
e non creas que non me asusta este mundo
enchido de incoherencias,
pero sei que nacerá outra muller
que leve a túa tibieza no sangue,
outros ollos -que non son  máis que os teus-
asomarán de novo  ao mundo,
verán crepúsculos e amenceres,
pisarán con forza e poderán sentir
os bicos roubados na pel,
desfarán o andado e de novo
apreixarán as locas ganas de vivir
en cada pisada.                                  
Volverá a gladiadora que loitaba
cun arsenal de lapis de cores como coiraza
nas horas escuras
e outro cabelo negro mecerase
no aire da primavera;
este corazón remendado farase forte
con cada latexo
e un ímpeto novo  agromará
no medio das violetas.
Non teñas medo,
nacerán promesas e estrelas ,
o vento, begoña, susurrará
o teu nome por enriba das montañas,
serás libre e fermosa como unha fada do bosque,
serás o que sempre querías ser...

Serás, pequena gladiadora, un alma  pura,
desas que xa non quedan neste mundo,
serás, queridísima, o latexo constante
nas miñas veas...