Camiñabas acariñando cos tes dedos a vexetación que se
amontoaba á beira do camino.
Unha espiga, as margaridas que lucían espléndidas, as herbas
meneándose, os pampillos, as abelurias, os cucos… outra vez as margaridas.
E as mans lograban descubrir unha sensibilidade gardada no
máis profundo do teu corazón.
A música soaba nos auriculares, unha música relaxante desas
que tanto che gusta escoitar para desconectar a mente atropelada de ideas arremuiñadas.
Unha cerdeira abría as súas pólas ó teu paso, quizás para
lembrache que podías refuxiarte no seu tronco enraizado profundamente á terra.
Colliches unha cereixa, quizás para lembrar ese gusto de
entón, cando existían aínda a virxinidade dos sabores. E souboche o mesmo que no pasado.
Fois despois cando comezaron as primeiras bágoas. O vento penetraba nos prados que chamaban
polos teus pasos e fuches canda eles nun intre de lucidez.
Toco cambiou ao redor. Xiraba o mundo, pero ti permanecías
escoitando ese son maravilloso da natureza que avivaba as ansias de facerse de
novo pequena, pequeniña e esgotar os folgos correndo no alcacén tan verde…
De buscar ese anaquiño detido no tempo…
De durmir cos brazos abertos…
De mirar cómo a lua enche nos ollos…
De argallar xogos novos, de volver a subirse ás árbores, de
manchar as pernas co zume das herbas campeiras, de comer figos coa madriña, de
escoitar os grilos no atardecer, de bañarse no río de augas calmas e frías…
De volver para capturar eses beixos mornos que empapaban as meixelas….
agora sen ti
sen o refuxio que proporcionan as túas caricias
suplicando ver os teus pasos no pavimento
agardando a que abras a porta
e suspires no meu pescozo
agora sen momentos que contemplar
tras os cristais
agora sen ti
Ela permanecía oculta tras as cortinas que se abaneaban co vento do nordés.
Queda e muda, observando unha primavera agonizante.
Prendida dos recordos que nunca volverán, imaxinando que en calquera momento unhas mans delicadas rodearían o seu van e sería despois cando ela entornaría os ollos para agasallar todo o seu corpo coa cadencia dun valse...