martes, noviembre 06, 2012

Un pobo, unha identidade.





                                            Un día de Outono, fotografando o mar das Perlas

                   


  PERLA DO RIO

E un día volvín a ti sen saber cómo
atropelando palabras e susurros,
xogando na orela dun amencer,
capturando a fina brétema do día.

Hoxe canto para que ti me escoites
a través dos sauces onde se libera
o salaio das almas extraviadas,
arroupando a nova luz dunha espera.

Navegando unha noite enteira
a favor do vento o meu cabelo
íame susurrando un desvelo
que un día foi o meu sustento.

Canto á beira do río que lava as bágoas
e desguedella os fíos dos pensamentos,
canto coa calma do teu mar que regresa
azul e prateado a carón do meu leito.

E xa te boto de menos cando o ocaso
suspira por mín na copa dos pinos,
cando as buguinas enfeitizan os soños
e nos prados alumean os corazóns
cheos de diminutas perlas do río.


Navegando unha noite enteira
a favor do vento o meu cabelo
íame susurrando un desvelo
que un día foi o meu sustento.


 


miércoles, octubre 24, 2012

Haikus sen medida clásica






                                                               Imaxe manolalago





Pendurada dun aloumiño
florece a primavera.
É hora da maxia.


Penisca no outeiro.
Nas ramas dos pinos
un paxaro canta.


Lúa chea.
Danza de estrelas
no claro dos ollos.


Mentres orballa nos campos,
raiolas de luz
entre as nubes.



miércoles, octubre 10, 2012

Foi naquel día morriñento...

                                                              Imaxe sacada da web





Foi naquel día morriñento onde a chuvia miúda coábase entre as nubes grisallas.
Seducías a fala cun sorriso, mailos teus ollos proclamaban unha tristura encarcerada.
Nun anaco de tempo que cabalgaba pausado.
Fregabas as mans unha coa outra espiando o ceo que agora principiaba a peniscar.
Lixeiro de equipaxe.

Ollabas a través da ventá.
O mar estaba calmo.
O estaleiro adornaba a paisaxe outonal coas súas grúas enormes como robots.
E a mirada ausente voaba coas ás das gaivotas que se pousaban lentamente no balcón mollado.
Os ollos entornados.
Lixeiro de equipaxe.

Nos miolos, un enxame de coitelos afiaban un son maldito.



sábado, septiembre 22, 2012

Vas levedando como o pan do país

                                                                 Éxtasis- Orlando Arias                       




Sobe a temperatura instalada nas veas
e un lixeiro rubor asoma ás fazulas.

Óese o chasquillo do lume coroando  os peitos
e agardas o tempo necesario
para ir levedando como o pan do país.